quarta-feira, 26 de dezembro de 2018

Algunhas consideracións sobre a poesía Lupe Gómez: análise do poema "Os teus dedos na miña braga con regra"



Resultado de imagen de os teus dedos na miña braga con regra
Esta obra foi publicada no 1999.
A primeira vista, con tan só ollar o título deste libro xa fun capaz de saber que pertencía a Lupe Gómez, poeta feminista e provocadora que tenta sacar á luz os temas sexuais que anteriormente foran censurados polo escándalo social que xeraban. Lupe Gómez é unha autora fácilmente identificábel polos temas que trata na súa poesía. Neste caso, a muller e o seu corpo son dous dos elementos centrais en torno aos cales xira este poemario e os temas principais son a menstruación e a masturbación feminina, que eran considerados tabús sociais e que a día de hoxe aínda son dous temas dos que a xente non se atreve a falar con liberdade.

Mais, desde o meu punto de vista, como pode ser considerada a menstruación un tema tabú se é algo normal no corpo dunha muller que posibilita o embarazo? Como pode ser que aínda existan preconceptos e persoas que continúen a pensar que a muller non pode ter disfrute sexual e ten que necesariamente aceptar o papel da sumisión ao home?

Persoalmente, considero que Lupe Gómez apela dalgunha maneira á liberdade feminina neste libro e quere rebelarse contra as normas e preconceptos sociais. A través da brevidade e da sinxeleza que caracterizan os poemas deste libro, a autora quérenos transmitir o paso polas diferentes fases da vida dunha muller, comezando pola infancia. A enerxía, a liberdade e a rebeldía son tres adxectivos que poderíamos empregar para definir esta etapa onde a muller non está aínda formada persoalmente nin físicamente.

A seguir, a etapa da adolescencia significa o tránsito á etapa da madurez e está definida pola fraxilidade, pola perda da autonomía e pola desaparición da liberdade. Isto quere dicir que entra en xogo o papel do home para escurecer a figura da muller e que a identidade feminina comeza a perderse. A muller é consciente da perda do seu propio suxeito e a reconstrución da súa identidade só será posíbel a través do contacto coa natureza.

Mais cal é a relación da muller cos elementos naturais? A menstruación é comparada co río, como fluidez da identidade e da propia vida. A auga e a menstruación son dous líquidos comparábeis que son capaces de superar todos os obstáculos que encontran polo seu camiño para fluír de maneira imparábel. Igualmente, o río e a menstruación non son sempre idénticos, se non que se modifican constantemente para ver como vai mudando a paisaxe e os corpos como consecuencia do paso do tempo.   



segunda-feira, 24 de dezembro de 2018

Chus Pato: a voz poética internacional. Unha aproximación á súa obra.



Chus Pato (Ourense, 1955) é cualificada como unha das figuras máis relevantes da poesía galega na actualidade. É integrante da Real Academia Galega (RAG) desde o 23 de setembro de 2017 mais na actualidade é a sexta muller que forma parte da institución. Actualmente exerce como profesora de Xeografía e Historia no ensino secundario, ao mesmo tempo que compaxina a docencia coa escrita. 

Os seus primeiros poemas apareceron na revista Escrita (1984) e desde aquela realizou colaboracións en numerosas publicacións de coñecidas revistas como Luzes de Galiza, Festa da Palabra Silenciada ou A Trabe de Ouro, entre outras. Colaborou en libros colectivos como Sete poetas ourensáns e, na actualidade, tamén é partícipe habitual de recitais, mesas redondas e conferencias. É autora de dez poemarios publicados entre 1991 e 2013, polos que recibiu varios premios, entre eles o Premio Nacional da Crítica Española na modalidade de poesía galega.

A súa obra foi obxecto de análise en moitas ocasións, mais se facemos unha revisión da mesma diremos que a súa obra poética se aproxima á modernidade utilizando os trazos máis persoais que Chus Pato lle conseguiu aportar. A súa autenticidade distingue a obra desta autora do resto dos seus contemporáneos, xa que a linguaxe, o compromiso e as súas preferencias son inconfundibles para os lectores. A complexidade que envolve a obra está chea de imaxes, escenarios e pegadas intelectuais que se afastan de todo o que é considerado tradicional para tratar de buscar novos camiños para a expresión desta autora dos noventa. Aparecen unha multiplicidade de voces e formas no discurso, o que nos leva a pensar noutra característica como é a transgresión que tivo a súa obra, que foxe de formalismos mais que é unha obra crítica co seu tempo, isto é, coa contemporaneidade. Para iso, a autora construiu un proxecto poético no que reflectiu os seus pensamentos máis profundos sobre as identidades individuais, de xénero, nacionais e históricas que vincula coa escritura. A linguaxe ten unha relevancia especial, xa que trata de representar a sociedade contemporánea a través das súas palabras e reflexións críticas. A multiplicidade de voces constitúe a polifonía dos seus poemas, incluíndo a súa propia voz xunto con moitas outras personaxes reais e ficticias. Chus Pato utiliza a prosa poética nos seus libros mais a súa obra é especialmente canonizada debido ás traducións e adaptacións a outras linguas como o español mais tamén ao inglés, onde sobresaen as traducións realizadas pola poeta canadiense Erín Moure. Por último, esta autora é considerada unha voz poética internacional debido á repercusión que os seus poemas tiveron non só en Galiza, se non tamén no resto do mundo. 

sábado, 22 de dezembro de 2018

O reflexo da contemporaneidade a través da análise de Cero de Oriana Méndez.


Imagen relacionadaHai uns días estiven a ollar Cero (2011), un libro que pertence á obra poética da escritora Oriana Méndez (Vigo, 1984). Por unha banda, a verdade é que tiven especialmente interese en elixir esta autora simplemente polo feito de ser a filla de Xosé Luis Méndez Ferrín, escritor moi representativo na literatura galega contemporánea. Por outra banda, non teño familiaridade coa poesía de Oriana Méndez, xa que é unha escritora moi actual que leva pouco máis de dez anos publicando. A seguir, amósovos un dos poemas que máis me gustaron desta obra, na que todo o que parece estar destruído volta a nacer ou a comezar desde cero, tal e como indica o título.


A NARCOLEPSIA regresa
calquera pequeno desaxuste provoca que te observe
no día da túa evanescencia

O teu peso arde
pero a humidade desfai os teus órganos

ti brotando dos fungos
a humidade expandíndose
verde
e no profundo dos osos: sombra

entre a túa pupila e aquí
acomódase o veo da historia

desapareces bifurcando o teu propio núcleo
gardando un tesouro de crucifixión na boca
el levarate as illas
trazas as illas
concibes as illas
a túa chegada a elas trascenderá os límites
pero atravesándoos perderás o xuízo

Cara a onde navegas non hai frío
non hai xuízo
o camiño que emprendes é unha marea

Serás coral negro latexando recén nacida
haberá auga salitre auga coma desertos
dimensións infinitas das que serás deusa xusta
epiderme adolescente no teu regreso á médula
espléndida
Respirando dentro: tigre loba íbice

Fecundo será o recordo
da luz sobre a terra

Memoria do mundo
para o eterno movemento das augas
entre este resto
e o teu nome


Se comentamos brevemente o contido sobre o que versa este poema, diremos que a autora está a recordar nel a unha figura feminina que posíbelmente faleceu. Para iso emprega elementos naturais como os "fungos" (6), "a humidade" (7) ou a cor "verde" (8) tratando de crear unha antítese a morte e a vida, esta última representada pola natureza. O paso da vida á morte é exemplificado mediante a súa desaparición "desapareces bifurcando o teu propio núcleo" (12) e a súa chegada a algún lugar onde non existe ningún perigo como son as illas: "a túa chegada a elas trascenderá os límites" (17). Despois da morte, a autora cre que todo volve a comezar de novo e que existe unha reencarnación, por iso é que fala dunha "recén nacida" (22) que aparece nun lugar novo como son as illas e que califica como un lugar que lle transmitirá seguridade "cara a onde navegas non hai frío" (19). Mais o motivo do renacer e do rexurdir sobre o que Oriana Méndez trata de reflexionar, aparece en moitos outros poemas de Cero.