
A NARCOLEPSIA regresa
calquera pequeno desaxuste provoca que te observe
no día da túa evanescencia
O teu peso arde
pero a humidade desfai os teus órganos
ti brotando dos fungos
a humidade expandíndose
verde
e no profundo dos osos: sombra
entre a túa pupila e aquí
acomódase o veo da historia
desapareces bifurcando o teu propio núcleo
gardando
un tesouro de crucifixión na boca
el levarate as illas
trazas as illas
concibes as illas
a túa chegada a elas trascenderá os límites
pero atravesándoos perderás o xuízo
Cara a onde navegas non hai frío
non hai xuízo
o camiño que emprendes é unha marea
Serás
coral negro latexando recén nacida
haberá auga salitre auga coma desertos
dimensións infinitas das que serás deusa xusta
epiderme adolescente no teu regreso á médula
espléndida
Respirando dentro: tigre loba íbice
Fecundo será o recordo
da luz sobre a terra
Memoria do mundo
para o eterno movemento das augas
entre este resto
e o teu nome
Se comentamos brevemente o contido sobre o que versa este poema, diremos que a autora está a recordar nel a unha figura feminina que posíbelmente faleceu. Para iso emprega elementos naturais como os "fungos" (6), "a humidade" (7) ou a cor "verde" (8) tratando de crear unha antítese a morte e a vida, esta última representada pola natureza. O paso da vida á morte é exemplificado mediante a súa desaparición "desapareces bifurcando o teu propio núcleo" (12) e a súa chegada a algún lugar onde non existe ningún perigo como son as illas: "a túa chegada a elas trascenderá os límites" (17). Despois da morte, a autora cre que todo volve a comezar de novo e que existe unha reencarnación, por iso é que fala dunha "recén nacida" (22) que aparece nun lugar novo como son as illas e que califica como un lugar que lle transmitirá seguridade "cara a onde navegas non hai frío" (19). Mais o motivo do renacer e do rexurdir sobre o que Oriana Méndez trata de reflexionar, aparece en moitos outros poemas de Cero.
Sem comentários:
Enviar um comentário