quarta-feira, 26 de dezembro de 2018

Algunhas consideracións sobre a poesía Lupe Gómez: análise do poema "Os teus dedos na miña braga con regra"



Resultado de imagen de os teus dedos na miña braga con regra
Esta obra foi publicada no 1999.
A primeira vista, con tan só ollar o título deste libro xa fun capaz de saber que pertencía a Lupe Gómez, poeta feminista e provocadora que tenta sacar á luz os temas sexuais que anteriormente foran censurados polo escándalo social que xeraban. Lupe Gómez é unha autora fácilmente identificábel polos temas que trata na súa poesía. Neste caso, a muller e o seu corpo son dous dos elementos centrais en torno aos cales xira este poemario e os temas principais son a menstruación e a masturbación feminina, que eran considerados tabús sociais e que a día de hoxe aínda son dous temas dos que a xente non se atreve a falar con liberdade.

Mais, desde o meu punto de vista, como pode ser considerada a menstruación un tema tabú se é algo normal no corpo dunha muller que posibilita o embarazo? Como pode ser que aínda existan preconceptos e persoas que continúen a pensar que a muller non pode ter disfrute sexual e ten que necesariamente aceptar o papel da sumisión ao home?

Persoalmente, considero que Lupe Gómez apela dalgunha maneira á liberdade feminina neste libro e quere rebelarse contra as normas e preconceptos sociais. A través da brevidade e da sinxeleza que caracterizan os poemas deste libro, a autora quérenos transmitir o paso polas diferentes fases da vida dunha muller, comezando pola infancia. A enerxía, a liberdade e a rebeldía son tres adxectivos que poderíamos empregar para definir esta etapa onde a muller non está aínda formada persoalmente nin físicamente.

A seguir, a etapa da adolescencia significa o tránsito á etapa da madurez e está definida pola fraxilidade, pola perda da autonomía e pola desaparición da liberdade. Isto quere dicir que entra en xogo o papel do home para escurecer a figura da muller e que a identidade feminina comeza a perderse. A muller é consciente da perda do seu propio suxeito e a reconstrución da súa identidade só será posíbel a través do contacto coa natureza.

Mais cal é a relación da muller cos elementos naturais? A menstruación é comparada co río, como fluidez da identidade e da propia vida. A auga e a menstruación son dous líquidos comparábeis que son capaces de superar todos os obstáculos que encontran polo seu camiño para fluír de maneira imparábel. Igualmente, o río e a menstruación non son sempre idénticos, se non que se modifican constantemente para ver como vai mudando a paisaxe e os corpos como consecuencia do paso do tempo.   



Sem comentários:

Enviar um comentário