María Xosé Queizán (Vigo, 5 de febreiro de 1939) é catedrática de lingua e literatura galega e unha das escritoras actuais máis importantes das nosas letras. Ademais, é unha figura destacada do movemento feminista no noso país, un compromiso que se detecta, principalmente, nas súas obras ensaísticas, mais tamén en todo o seu labor cultural. Publicou numerosas obras que abordan este tema como os ensaios A muller en Galicia (1977), Recuperemos as mans (1998) ou a Misoxinia e racismo na poesía de Pondal (1998); poemarios como Metáfora da metáfora (1991), Despertar das amantes (1993) e Cólera (2007) e incluso obras teatrais como Non convén chorar máis (inédita). Alén da presenza da reivindicación da muller na súa produción literaria, tamén colocou este asunto noutros sectores culturais, pois fundou a revista Festa da Palabra Silenciada, feita só por mulleres, a cal dirixe desde 1983; foi directora da asociación feminista Feministas Independentes Galegas (FIGA), vicepresidenta do Consello Municipal da Muller do concello de Vigo e directora e organizadora do I encontro de Mujeres Poetas Peninsulares y de las Islas (1996).
Despertar das Amantes
A obra Despertar das amantes é o segundo poemario de María Xosé Queizán. As composicións, todas elas con título, están agrupadas en tres seccións: Despertar das amantes (20 poemas), Escrita (11 poemas) e Tempo (9 poemas), respectivamente. As primeiras composicións caracterízanse polo ton intimista e descritivo e por unha historia amorosa entre dous corpos femininos. No poema “Despertar das Amantes”, dúas namoradas acordan unha ao lado da outra nun despertar marcado polo erotismo e que simboliza o fin do sometemento das mulleres ás convencións sociais e o desexo de experimentar un amor entre iguais (¡Deixa que o temor dos nosos corpos fale por nós!). Mais, na segunda parte do poemario, Escrita, a voz poética é consciente que privilexiar ao corpo para que fale polas amantes, impide a realización das palabras. Desta maneira, en “Logos-grito” coloca que Non hai corpo sen palabras e en “Palabras como fluxo” deixa totalmente claro que os vocábulos son as que teñen realmente capacidade para transmitir os seus sentimentos:
¡Non deixes só ao corpo falar por ti!
Enche con palabras os gozos do silencio.
Amor é nomear.”
Xa na última parte do libro, a voz poética revélase contra as imposicións que as mulleres tiveron que sufrir ao longo da historia (Ningún tempo pasado foi mellor, “O Eterno Retorno”). Deste xeito, fai un chamamento á rebelión para acabar con esa situación e así impulsar o progreso da sociedade, como se pode ver en “A Caverna”:
[...]
mulleres sen sombra
séculos de panos negros e sumisión.
¡Renégote demo!
Sodes o que hai que abandonar.
[...]
!Chamade por min!
Baixarei á matriz para encontrar ás sombras.
Falaremos da luz
e da rebelión.
Cólera
Cólera é un poemario de María Xosé Queizán publicado en 2007 e constitúe outra obra máis do seu repertorio literario en que mostra a súa personalidade máis revolucionaria e feminista. Este libro trata o tema do franquismo e todo o que ese período supuxo para a nosa sociedade e o noso país desde os anos 60 até mediados dos 70. Durante estes anos, aconteceron numerosas folgas e protestas para pór fin á represión e á supresión das liberdades, o que provocaron mortes, detencións, exilio... A autora deixa claro na súa creación artística que a pesar de que o mellor xénero para expresar este tema é o ensaio, este non lle ía permitir amosar abertamente os seus sentimentos de rabia e cólera. María Xosé Queizán mostra nesta obra acontecementos e sentimentos verídicos que experimentou na súa propia pel, mais non quixo transmitilos desde o punto de vista dunha muller, senón desde unha voz masculina. Ela era consciente de que se colocaba unha voz poética feminina, o poemario non tería o mesmo impacto, pois neste momento as poucas mulleres que había organizadas en partidos e sindicatos eran “as compañeiras de”, “as esposas de”, “as noivas de”... Se eran consideradas figuras importantes na batalla contra a ditadura era simplemente porque satisfacían as necesidades sexuais dos homes. Ademais, se este libro fose escrito desde a conciencia feminina, tería que chamarse Cóleras porque nesta época as mulleres estaban oprimidas dobremente.
No poema “Amar a Che Guevara”, un home opositor ao réxime relata a vida da súa muller, quen vive a revolución a través del e observa os seus pasos de cerca para servilo en todo aquilo que precise, mais sen molestalo. Ademais é considerada un cacho de carne humana que serve para o desafogo sexual do seu marido:
Íspese cada mañá ante o voyeur de ollos sedutores
e entra na ducha acompañada.
[...]
ségueo polo monte cargándolle o fusil
préndelle o puro, aspirando o aroma do seu nariz
sensual como flores carnívoras
traga o fume amargo na súa boca
bebendo a revolución beixo a beixo.
[...]
á noite
saboreo os froitos substanciosos dos peitos
beixo a súa vulva húmida dos bosques.
Os seus gritos acordan exóticos paxaros
e os nosos corpos entran no combate onde se morre de
[pracer
cando substitúo ao Che no leito.
Sem comentários:
Enviar um comentário