segunda-feira, 14 de janeiro de 2019

Salvador García-Bodaño Zunzunegui, Tempo en Compostela (1978)


Salvador García-Bodaño Zunzunegui, nado en Teis (Vigo) o 17 de xullo de 1935, é un escritor galego e membro da Real Academia Galega. Fillo de Salvador García-Bodaño Fernández, un procurador, xornalista, escritor e agrarista galego, trasladouse para Santiago de Compostela cando era moi pequeno. Nesta cidade formouse intelectualmente e estabeleceu contacto con personalidades como Carlos Maside e Ramón Piñeiro. Salvador García Bodaño é un home que formou parte de numerosas empresas culturais e mantén actualmente unha columna dominical en El Correo Gallego titulada “No pasar dos días”. O seu nome comezou a aparecer con frecuencia en diaros e revistas dentro e fora do país desde que gañou diversos premios importantes, mais foi grazas á publicación do seu libro Ao pé de cada hora (1967) o que provocou que fose considerado como unha das grandes voces do seu tempo. Co seu segundo poemario, Tempo en Compostela (1978), gañou o Premio de la Crítica, un dos galardóns máis prestixiosos que se conceden en España, feito que o impulsa a ocupar un lugar destacado na poesía galega de posguerra.
O poemario Tempo en Compostela está estruturado en tres partes que integran catro, cinco e catro poemas, respectivamente. No final da primeira e da segunda sección, aparece un dibuxo que semella algunha rúa ou algún lugar de Compostela e en cada unha das tres partes, hai un par de versos que, se se unen, forman un pequeno texto:

As voces tiñan xa                                               Primeira
un vago acento de esperanza....                         parte

... pois foron andando a súa vida                   Segunda
tamén sobre estas pedras.                                   parte

Onte e hoxe a súa presencia                            Terceira
vai pola rúa da nosa memoria...                         parte

O libro está decicado á cidade de Santiago de Compostela, lugar onde o autor desenvolveu toda a súa vida. Trátase dun conxunto de poemas que pretenden ofrecer todo o maravilloso que xurdíu neste lugar e o moito que chegou a inspirar, ao longo da súa historia, a célebres personalidades galegas. Deste xeito, as composicións da última parte da obra están dedicadas a figuras destacadas das nosas letras como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Afonso Rodríguez Castelao, Carlos Maside, Fermín Penzol, Francisco Fernández del Riego, Luís Seoane e Ramón Piñeiro; Salvador García-Bodaño tivo unha grande amizade con algúns destes individuos, como Ramón Piñeiro ou Carlos Maside. 

Sem comentários:

Enviar um comentário