Pensástedes pra queé poden servir as rúas
e máis as prazas,
os altos balagustes das chimineas,
os campos abertos
onde se mide o silencio,
os longos pasadelos e as aulas
nas que se ven e vai
e se queda
e se está e se agarda algo inútilmente
como si fora posible
-sin nos mover-
dar cabo do noso camiñar...
Pensástedes no que pode ser tempo
si non se reconstrue a cada intre,
si non se enche de pobo
e liberdade,
si non se abrangue cada minuto
coa nosa presencia,
co noso traballo
e o noso pensamento,
si se deixa ir un pouco e pouco
existindo
como si nada en realidade pasara,
como si todo fora un gran cimiterio
sempre ordenado
e en calma!
Máis alá dos despachos e das oficinas,
dos cines e do fútbol,
dos cuarteles
e dos cabarets
está a nosa patria.
A patria grande e anónima
estesa polas campías
e as fábricas,
a patria que se detén na verxa
alta e punxente
dalgunhas casas,
a patria inmensa
chea de ferrados e ferrados
de xentes que nos agardan
e case nos ignoran.
Na loita de cada día
está o comenzo desa Patria...
Este é un poema de Salvador García-Bodaño Zunzunegui da súa obra Tempo de Compostela (1978) que está integrado na primeira parte do libro. Nesta composición, a voz poética diríxese a unha colectividade e pregúntalles se saben que pasaría se non se construise o tempo a cada intre, se os minutos, as horas e os segundos pasasen en balde e sen intervirmos nel. A voz poética ofrece a resposta: se non aprobeitamos o tempo e o marcamos coa nosa presenza para cambiar o transcurso das cousas, pasaremos por esta vida sen termos existido. O que quere dicir con todo isto é que temos que difundir as nosas ideas, o noso pensamento e traballar duramente para que o mundo vexa que somos un pobo diferenciado dos demais presentes no universo. Alén doutras cuestións que ocupan un lugar destacado na nosa sociedade, como o fútbol ou o cine, o realmente importante é a nosa patria e a necesidade de loitar cada día para non caermos no olvido e deixarmos de existir.
Canto á métrica e ao estilo do poema, este e as demais composicións que compoñen este poemario, non seguen regras de ningún tipo. Non hai rima e os versos non teñen o mesmo número de sílabas, alén de non ser detectada ningunha figura retórica. As creacións artísticas caracterízanse principalmente por un número de letra bastante grande e pola súa grande extensión, como ben se pode observar neste poema e no seguinte.
“Estrondan os antigos dólmenes”
A Ramón Otero Pedrayo
pra sempre un outeiro de pedra.
Estrondan os antigos dólmenes
polo chan da Patria enteira
e as campás da raza chaman a difuntos
ao longo de tódalas serras...
O requiem do vento érguese solemne
nas torres valeiras
e a noite apousa a súa negrura
nos eidos da dór inmensa.
-Algo noso morreu tamén
nese cadavre que enterran.
Qué vougo de alboradas imposibles,
qué incorpórea presencia
fará renxer as táboas do pazo
nas mañáns vindeiras:
sobor do sono das madeiras!
Qué escura soedade encherá as alcobas,
qué vaga ausencia
percorrerá o silencio das cousas
agora senlleiras
na poeira anónima dos recordos
que nelas se quedan!
Qué aire estantío aniñará nos pasadelos,
qué esvaída existencia
pronunciará os nomes dos amigos
na solaina xa deserta:
quén poderá vir agora coa palabra
talmente como unha fervenza!
Qué nova esperanza
virá bataer outras mareas na soedade dos cons e dos peiraos,
no loito das areeiras
e nese tempo pasado
que comigo a tarde leva?
Cándo alguén esgazará
esta códea de pacencia
que cubre os campos e os casales,
as homildes sementeiras,
as vellas labradas
e todo ese mundo que deixas?
Os camiños da vida,
os señores da terra,
nós,
-recordas?,
entre a vendima e a castañeira:
qué ben gardo aínda
o sangue da túa letra!
Algo de todos morréu contigo,
algo contigo se nos enterra!
-Galicia velliña chora
ao longo das sementeiras...
Este poema do libro Tempo de Compostela é unha homenaxe á figura de Ramón Otero Pedrayo, o home considerado o “Patriarca das letras galegas” e un dos escritores galegos máis importantes de todos os tempos. Pertenceu á Xeración Nós e cultivou diversos xéneros literarios como ensaio, novela e poesía. Alén de plasmar nas súas obras o seu enorme compromiso coa cuestión galeguista, tamén describe os costumes e a vida do mundo rural galego como en Os camiños da vida, publicada orixinalmente en tres partes (Os señores da terra, A maorazga e O estudante) ou en Entre a vendima e a castiñeira.
Nesta composición, integrada na segunda parte da obra, represéntase o funeral de Ramón Otero Pedrayo e como xunto con el, tamén morreu unha parte da alma do pobo galego; agora todo está impregnado de soidade e escuridade. O único que nos queda del é a súa produción poética e os seus pensamentos e sentimentos máis profundos reflectidos nas súas creacións artísticas. A única maneira de que todo o que el deixou non desapareza é que alguén continúe os seus pasos e sexa capaz de desenvolver as cuestións que tiña en mente e que non chegou a concluír. Finalmente, a voz poética diríxese ao propio Otero e dille que a súa letra plasmada nas súas obras Os camiños da vida, Entre a vendimia e a castiñeira e na revista Nós, lle marcou enormemente. Agora, Galicia chora a morte dun dos seus máis queridos fillos.
Sem comentários:
Enviar um comentário